sábado, 22 de marzo de 2014

Galicia

Teño un recordo pendendo dos beizos con recendo ao mar de Fisterra e á choiva da Zona Vella.
Teño cancións enredadas no cabelo nas que unha gaita me fai cóxegas no pescozo e me baixa en compaña dun tamborileiro polo lombo, escorregándose ata chegar ao chan e bicar a terra, os fieitos, os toxos, susurrando doces melodías que pasan zoando entre castiñeiros centenarios testemuñas das idades dos bardos ás que xa outros cantaron.
E como non ían cantar! Como non falar das fontes e dos regatos pequenos que atravesan os nosos campos e salpican os nosos espíritos, dando de beber ás almas que son quen de ver beleza no mar enoxado e arte na choiva!
Non atoparei eu galego nesta vida que non sorría con ollos cheos de bágoas ao falar do noso país, ao cantar miudiño temas que lembran a viño e amigos, a castros e luares, a catedrais e palilleiras, a lendas e montes, a queimada e a paradiso.
Tampouco importará canto tempo estea eu lonxe que sempre levarei as cores verdes da terriña colgadas do colo e os aromas da cociña da avoa enguellados nos peitos.
A imaxe do lobo do Courel e o chacarraschás do muíño aloumiñaranme nas noites de morriña e soidade e o medo fuxirá e levarase con el a negra sombra, pois non hai maior seguridade que a que da a certeza dun amor único e imperecedoiro. Un amor de sete letras que xuntas dan nome á beleza feita xente, feita mar, feita terra.  

Sempre Galicia, inesgotable, Galicia para sempre. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario