Teño un recordo pendendo dos beizos con recendo ao mar
de Fisterra e á choiva da Zona Vella.
Teño cancións enredadas no cabelo nas que unha gaita me fai cóxegas
no pescozo e me baixa en compaña dun tamborileiro polo lombo, escorregándose
ata chegar ao chan e bicar a terra, os fieitos, os toxos, susurrando doces
melodías que pasan zoando entre castiñeiros centenarios testemuñas das idades
dos bardos ás que xa outros cantaron.
E como non ían cantar! Como non falar das fontes e dos
regatos pequenos que atravesan os nosos campos e salpican os nosos espíritos,
dando de beber ás almas que son quen de ver beleza no mar enoxado e arte na
choiva!
Non atoparei eu galego nesta vida que non sorría con ollos
cheos de bágoas ao falar do noso país, ao cantar miudiño temas que lembran a
viño e amigos, a castros e luares, a catedrais e palilleiras, a lendas e
montes, a queimada e a paradiso.
Tampouco importará canto tempo estea eu lonxe que sempre levarei
as cores verdes da terriña colgadas do colo e os aromas da cociña da avoa enguellados
nos peitos.
A imaxe do lobo do Courel e o chacarraschás do muíño aloumiñaranme
nas noites de morriña e soidade e o medo fuxirá e levarase con el a negra
sombra, pois non hai maior seguridade que a que da a certeza dun amor único e
imperecedoiro. Un amor de sete letras que xuntas dan nome á beleza feita xente,
feita mar, feita terra.
Sempre Galicia, inesgotable, Galicia para sempre.